Applet cos 10 casos do Problema de Apolonio

Esta semán tratarei cos alumnos de Debuxo Técnico II o Problema de Apolonio, no que aplicaremos diferentes recursos (cálculo de distancias, homotetia, potencia, inversión). Estiven preparando un applet para que poidan visualizar, en cada caso, diferentes posicións coas correspondentes solucións. Xa o fixera hai uns anos con Cabri, pero ao ter que utilizar macros sobre macros, o trazado nos últimos casos era completamente inestable.
GeoGebra responde mellor, aínda que ten os seus caprichos, e costoume traballo atopar a maneira de crear as macros para que o resultado funcione en calquera posición. De feito teño que revisalo máis, e hai un caso que aínda falla: RRC

Concretamente, empéñase en non visualizar todas as solucións (8 máximo), cando aplicamos a macro coa circunferencia exenta das dúas rectas. Soluciónase (mentras non consiga remedialo) desprazando esta ate cruzar as dúas rectas no seu interior. Entón co botón secundario sobre algunha das solucións visibles podemos acceder no menú contextual a “Propiedades do obxeto”, onde localizaremos no listado as circunferencias que non se ven, e daquela podemos facelas visibles.
O caso CCC tamén deu moita guerra, ao final tiven que descartar as equidistancias por intersección de lugares xeométricos, a inversión, etc. e recorrer a unha combinación de centro radical, centros de homotetia e polaridade, segundo o enfoque de Gergonne. No caso RRC tamén resultou mellor que outras opcións, pero como digo segue sen funcionar completamente.
Nota: as rectas selecciónanse directamente (non nos puntos que as definen). As circunferencias, primeiro o centro e logo a propia circunferencia.
Se vedes algún outro fallo decídemo. Saúdos.

This entry was posted in Recursos and tagged , , , , , , . Bookmark the permalink.

Deixa unha resposta