Unha das cousas que penso facer antes de xubilarme é unha boa colección de mecanismos para o trazado de curvas, cos alumnos de debuxo técnico. Prometo tentalo este curso.
Entre os máis interesantes están os elipsógrafos. Seguro que moitos temos demostrado as propiedades da elipse cun cordel cos extremos clavados nunha táboa ou na terra, pero existen moitos máis. Entre eles seleccionei cinco modelos que me parecen apropiados para abordar a súa fabricación, que por suposto irá precedida dunha análise e comprobación virtual, cunha figura como a que virá a continuación. Nesta primeira entrega, o máis popular, despois do método do cordel, é o Elipsógrafo de Proclo (máis coñecido como “compás de Arquímedes”) Podemos ver na rede varias versións:
Consiste no uso de dúas guías perpendiculares e unha vara, na que se fixan tres elementos, os dous primeiros para que se despracen cada un pola súa guía, e o terceiro para trazar a curva.
Na figura vemos como funciona: os reguladores fan a función de determinar a distancia dos tres elementos A, B, C. Movendo A vemos como C traza unha semielipse. Considerando que B tamén pode desprazarse á zona inferior, na realidade podemos trazar a elipse enteira.