Lemniscata de Bernouilli

Resulta curioso que ata o de agora non publicásemos ningún artigo sobre macros (macroconstrucións ou creación de ferramentas), máximo tendo en conta a grande importancia que teñen para axilizar construcións complexas.
Cando precisamos repetir unha construción un número elevado de veces resulta moi práctico crear unha ferramenta que automatice a tarefa.
Aproveitarei a construción dunha lemniscata de Bernouilli que acabo de debuxar para o meu alumnado de bacharelato, para introducir o tema.
Antes de crear a macro deberemos debuxar a construción, así que procedemos coa lemniscata.

Dados os focos F1 e F2 sabemos que a curva buscada é o lugar xeométrico dos puntos do plano tal que o producto das distancias aos focos sexa constante e igual ao cadrado da metade da distancia entre os mesmos.

Para trazala calculamos o punto medio M e a mediatriz m do segmento F1F2, preparando así a construción para poder aplicar o teorema da altura.

Sobre a mediatriz situamos un punto calquera O, que será o centro dun  arco capaz de 90º  que pase polos focos, da hipotenusa PQ dun triángulo rectangulo de catetos FP e FQ.

A altura MF é a media proporcional das proxección normais  MP e MQ dos catetos sobre a hipotenusa.

Trazamos pois dúas circunferencias de raios MP e MQ con centro nos focos. As súas interseccións pertencen á curva buscada.

Trazamos o lugar xeométrico desas interseccións para as diferentes posicións do punto O.

A curva resultante é a lemniscata de Bernouilli.

Agora podemos crear a macro.

Imos ao menú «ferramentas» e a » crear nova ferramenta».

No cadro de diálogo que se abre indicamos os obxectos de entrada (os datos, os elementos dos que partimos para realizar a construción). Estos deben ser necesarios e suficientes. Neste exemplo os elementos iniciais son os dous focos.

Indicamos a continuación os obxectos de saída (o resultado, os elementos que queremos construir coa ferramenta que estamos programando). Neste caso os dous lugares.

Damos nome a ferramenta e se queremos asociámoslle unha icona.

Esta ferramenta estará sempre dispoñible no arquivo no que estamos traballando. Se queremos traballar coa ferramenta nun arquivo diferente deberemos primeiro gardala, e abrila cando a precisemos. Para gardala imos ao menú «ferramentas» e a «xestor de ferramentas». Como pode verse tamén podemos incluir unha axuda que se visualizará ao seleccionar a ferramenta.

Ao final de todo este proceso obtemos unha nova ferramenta adaptada ás nosas necesidades. Ter unha boa colección de ferramentas permítenos implementar a funcionalidade deste programa, e aforrar moito tempo de maneira intelixente.

Pódese descargar esta macro realizada para Geogebra 4 premendo na imaxe.

Save

Save

This entry was posted in Xeral and tagged , , , . Bookmark the permalink.

Deixa unha resposta