Unha característica da Xeometría Dinámica é poder manipular as figuras para variar a súa posición e obter diferentes resultados. O máis sinxelo é mover os puntos clave da construción, pero tamén podemos crear reguladores, que logo actuarán como «mandos» para controlar a posición. Programas como Geogebra ou CaRMetal permiten inserir deslizadores, pero resulta moi interesante aprender a crealos. Aquí van varios exemplos típicos:
AB: Regulador sinxelo de tamaño. Obsérvese como os dous triángulos responden de xeito diferente cando o valor AB é negativo. Isto é porque o segmento CD fíxose paralelo a AB, pero o IJ fíxose paralelo ao eixo X.
GH: Regulador sinxelo de rotación. O segmento KL defínese paralelo a GH.
NO: Regulador sinxelo de tamaño e rotación. PQ segue en tamaño e orientación a NO.
Algunhas variantes: TU está limitado a valores positivos (U está sobre unha semirrecta ou segmento). SV é un regulador de tamaño con tamaño máximo, definido pola circunferencia. (U sitúase no diámetro). WZ é un regulador de tamaño e posición tamén limitado en tamaño (Z está dentro do círculo). AV é un regulador de avance, idóneo para observar un trazado xeométrico.