Un dos traballos que teño pendentes é mostrar de forma interactiva varios métodos diferentes de pasar datos diédricos a cónico. Será un apartado dunha unidade didáctica sobre a perspectiva cónica que teño a medio facer (se estades interesados en mirar como vai, está nesta dirección: http://www.pauloporta.com/Xeometria/conico/perspectiva.html)
Concretamente, este mostra como localizar cada punto trazando unha perpendicular a LT e outra recta a 45 graos, que logo fugarán respectivamente a P e D, nunha perspectiva central.
Penso que teño uns 8 métodos feitos en Cabri, pero antes de incorporalos quero pasalos a Geogebra. Curiosamente, ao trazar este comprobei un pequeno problema que non me dera o Cabri: Para rotar a base da figura fago a circunferencia circunscrita nun centro arbitrario e o punto exterior que logo se manexa para xirala. Os catro vértices sitúanse na intersección coa circunferencia da recta que pasa por eses dous puntos, e a perpendicular que pasa polo centro.
Os dous puntos en que cada recta corta a circunferencia teñen as mesmas propiedades, o programa asigna unha letra a cada un. Pois ben, en Geogebra esta denominación automática pode trastocarse en certos momentos, perdendo parte do que fagamos con cada punto. Concretamente, ocurre cando se desfan operacións con Control+Z, cando se cambia algunha propiedade dun punto como o nome, ou cando se intenta redefinir un punto editando manualmente a súa definición.
Total, que tiven que utilizar outra opción: definir o primeiro vértice da base na semirrecta que dende o centro pasa polo punto que regulará a rotación, e logo definir os outros tres como rotacións de 90, 180 e 270 graos sobre o centro.