Geogebra é unha ferramenta excelente para introducir conceptos de xeometría na ESO, e conseguir que, no momento de adiestrarse no manexo das escuadras e o compás no papel, non vexan os alumnos o debuxo liñal como algo frío e estático, senón que o entendan como unha técnica máis de crear imaxes.
O alumnado de 1º é perfectamente capaz de crear unha figura poligonal, reflectila nunha recta e entender a simetría axial, sobre todo se pode xogar co resultado. En 3º e 4º podemos establecer un punto como directriz, e facer comparacións entre a simetría puntual, a rotación e a homotetia entre figuras, facendo neste último caso un regulador con varios valores enteiros (ou metades) por exemplo de -3 a +3. No bacharelato avanzaremos até a “reflexión en circunferencia” que significa a Inversión.
Despois de estudar a simetría, rotación e homotetia, a xeito de premio, móstrolles como facer unha figura calidoscópica, coa que poden crear figuras como esta:
Realmente o que facemos é a figura que ven a continuación: Hai un punto central polo que pasa unha recta (que inclinamos un pouco para evitar a excesiva simetría da imaxe final), e un punto móbil, que se rota sobre o centro en divisores de 360º, neste caso 72º. Asígnanse diferentes cores, e logo duplícase cada punto por simetría axial sobre a recta. Actívase o rastro nos 10 puntos resultantes e listo.
Mover o punto director (o que está máis arriba). Pulsar Control+F para borrar e comezar de novo.