Poesía

Imos tentar perderlle o medo á poesía. A poesía non é un xénero difícil e, aínda que hai poemas complexos, tamén os hai moi doados de entender, está demostrado que canta máis poesía se lea mellor se comprende. Para estar en forma coa poesía, como no deporte, precisamos adestrar. Ademais o importante non é entendela, senón gozala.

Despois de gozar coa lectura de Vaia Tropa! Por parellas, imos intentar facer poemas coa mesma estrofa, A-A-B-B-A, que a maioría dos do libro. Tamén tedes que procurar darlle un ton irónico e retranqueiro. Coidade moito o ritmo do texto.

A reportaxe

A reportaxe é un xénero periodístico que consiste no relato duns feitos que presencia ou investiga o xornalista.
Primeiro se toman notas e despois cando se reelabora o texto, ademais de contar os feitos débese transmitir unha interpretación persoal do acontecido. Como en todo escrito hai que coidar o estilo.
Da visita á aldea de Silvarredonda, Rois, ides facer unha reportaxe.

A vida dos meus avós

Despois de ler “Memorias dun neno labrego” imos coñecer como vivían os nosos maiores cando eran cativos. Por parellas ides investigar sobre: O xogo, Os xoguetes, A escola, O namoro, As festas, As comidas, O vestido, Os desprazamentos, A cociña, O nadal, O entroido, O día de defuntos, Os velorios, …
Unha vez elixido o tema tedes seguir estes pasos:
1º. Cuestionario
Preparar unha serie de preguntas abertas, é dicir de resposta ampla, para facerlle á persoa ou persoas que entrevistedes. O cuestionario debe recoller diferentes aspectos do tema que queredes coñecer.
2º.Cos datos que vos dean tedes que facer un texto narrativo onde quede reflectida a información que recollestes.
3º.Documentar e asinar a información
Nome do informante
Idade (aproximada)
Enderezo
Nomes dos autores do traballo

O entroido

O ENTROIDO
Despois de elaborar textos sobre a festa das candeas imos traballar o entroido.
O entroido tradicional é unha celebración onde hai unha inversión dos valores: os homes visten de mulleres, estas de homes, os pobres de ricos, os ricos de pobres, …
O máis importante do entroido tradicional de Galicia son as máscaras que xeralmente son propias dunha determinada contorna. Seguindo o esquema da actividade anterior imos investigar sobre as máscaras máis importantes do entroido tradicional galego.
a) Primeiro tedes que traer información, de diferentes fontes, sobre a máscara que vos tocou.
b) Facer un guión para desenvolver o traballo.
c) En parellas desenvolvedes o guión que tedes preparado.
d) O texto non estará rematado ata que o documentedes, mencionar as fontes que utilizastes para facelo. Tamén o tedes que asinar.
As máscaras sobre as que imos traballar son: Os cigarróns, Os xenerais, Os peliqueiros, As madamas e os galáns, A morena, Os volantes, O enterro da sardiña.

As festas cíclicas do ano

Para intentarmos coñecer mellor o noso pasado, para aprender a a explorar, a buscar datos, a chegar a conclusións debidamente razoadas, para aprender a traballar en grupo imos propoñer diferentes traballos que teñen que ver coas festas cíclicas na cultura tradicional.
As festas cíclicas son aquelas celebracións que se repiten polas mesmas datas todos os anos: O Samaín, Defuntos e/ou o San Martiño, O Aninovo, As Candeas, O Entroido, Os Maios, O San Xoán.
Aínda que o máis primitivo de todos os calendarios é o vexetal, é dicir o que vai de acordo coa medra das plantas, nos imos adecuar este calendario ao tempo no que agora estamos. O primeiro traballo que imos facer para este blog é sobre a celebración do día 2 de febreiro: As Candeas.
a) Primeiro tedes que buscar información, en diferentes fontes, sobre esta celebración.
b) Facer un guión para desenvolver o traballo.
c) En grupos de dous ou tres, desenvolvendo o guión que tedes preparado, escribides sobre a orixe e características.
d) O texto non estará rematado ata que o documentedes (mencionar as fontes que utilizastes para facelo) e o asinedes.
e) Despois segundo o curso se vai desenvolvendo estudaremos outras festas que marcan a cultura tradicional.

Descrición de persoas

Por parellas ides coller un primeiro plano dun dos moitos personaxe que saen nos medios de comunicación.
No caderno facede unha primeira listaxe de adxectivos que consideredes relevantes para o personaxe.
Os adxectivos desa listaxe non se poden utilizar, hai que procurar sinónimos.
Buscar tres sinónimos que definan
a) Impronta xeral
b) Aspecto físico: ollos, boca, beizos, cabelo, …
c) Aspecto psicolóxico ou estado de ánimo
Recollemos as fotografías e expoñémolas para que outras parellas intenten identificalas a medida que as describides. Procurade facer un traballo ordenado, claro e preciso.