Encadeados

Unha variante da repetición e o recurso dos encadeados, preguntas e respostas que van entrelazadas unhas noutras. Esta opción é moi abundante na literatura popular como este exemplo de preguntas e respostas encadeadas:

Tuoporoutou, pa onde vas vella?
Touporoutou, pa Redondela.
Touporoutou, que vas buscar?
Touporoutou, unha area de sal.
Touporoutou, pa que queres o sal?
Touporoutou, pa botarlle ao caldo.
Touporoutou, pa que queres o caldo?
Touporoutou, pa darlle ás mulleres.

Ou o poema de Darío Xohán Cabana:

Que importa que nos craven as cadeas?
Se o espírito segue ceibe coma o mar.
Que importa que asolaguen as bombillas?
Se non poden matar a luz do sol.
Que importa, irmán, que morra a pomba?
Se deixa os seus pombiños a voar.

Son poemas de NUNCA ACABAR. Por parellas ides facer poemas utilizando este recurso.

A repetición

A repetición dunha palabra, a repetición dunha frase, a repetición dunha pregunta, é un recurso literario que lle dá aos poemas ritmo pero tamén desacougo ou dramatismo.
Pensemos no poema de Celso Emilio Ferreiro:
O vello cantaba
unha lembranza.

O mozo cantaba
unha esperanza.

O neno cantaba
unha louvanza.

Pobo meu: pois que cantas,
érguete e anda.

Ou este outro de Álavaro Cunqueiro:
O cabaleiro da pluma na gorra,
meu amigo é!
O cabaleiro do verde tabardo,
meu amigo é!
Ogallá que na guerra non morra,
meu amigo é!
Non de frecha, de asta nin dardo,
meu amigo é!

Por parellas ides tentar facer poemas utilizando este recurso.

Caligramas e acrósticos

Un caligrama é un poema no que os versos forman un debuxo ou imaxe tentando reproducir a forma dun obxecto aludido nel. Imos escribir poemas caligráficos.
Un acróstico é unha composición poética onde as letras iniciais de cada verso lidas en vertical forman unha vocábulo ou frase. Agora intentámolo cos acrósticos.

Poesía

Imos tentar perderlle o medo á poesía. A poesía non é un xénero difícil e, aínda que hai poemas complexos, tamén os hai moi doados de entender, está demostrado que canta máis poesía se lea mellor se comprende. Para estar en forma coa poesía, como no deporte, precisamos adestrar. Ademais o importante non é entendela, senón gozala.

Despois de gozar coa lectura de Vaia Tropa! Por parellas, imos intentar facer poemas coa mesma estrofa, A-A-B-B-A, que a maioría dos do libro. Tamén tedes que procurar darlle un ton irónico e retranqueiro. Coidade moito o ritmo do texto.