Toponimia

Os nomes de lugar, o do noso país, o da nosa vila ou aldea chámanse topónimos e estúdaos unha ciencia denominada toponimia.
A xente ten un nome co que se presenta, así mesmo aos animais se lles pon nome, o lugar onde vives, aldea ou urbanización, teñen igualmente un nome que ten un significado, aínda que non saibades cal é, a toponimia encárgase recollelos e de estudar a súa orixe. Os nomes dos lugares están reunidos nun documento que se chama nomenclátor.
En Galicia a toponimia é moi abundante e variada; se nos fixamos e a esculcamos con calma podemos atopar cousas moi curiosas, por exemplo hai unha serie de topónimos que coinciden co nome doutros países ou cidades importantes, moi próximos a nós temos unha Servia (concello de Lousame) ou un Ceilán (concello da Baña).
1.- Consulta do nomenclátor
Por grupos ides consultar a web do nomenclátor dos diferentes concellos das catro provincias de Galicia, http://www.xunta.es/nomenclator/busca.jsp, intentade localizar topónimos que concorden co nome doutros lugares do mundo. Para ver a lista dos concellos de Galicia consultade:

http://gl.wikipedia.org/wiki/Concellos_de_Galicia

Recollede e facede unha lista co nome do lugar, a parroquia, o concello e a provincia, por exemplo:
Lugar: Servia, parroquia: Sanamede do Monte, concello: Lousame, provincia: A Coruña
Lugar: O Ceilán, parroquia: Vilacova (Santa Eulalia), concello: A Baña, provincia: A Coruña.
DISTRIBUCIÓN DO TRABALLO
Alumnado de 1º A
Equipo nº 1, consultará a toponimia da provincia da Coruña desde o concello de Abegondo ata o de Cee.
Equipo nº 2, consultará a toponimia da provincia da Coruña desde o concello da Cerceda ata o de Irixoa.
Equipo nº 3, consultará a toponimia da provincia da Coruña desde o concello de A Laracha ata o de Outes.
Equipo nº 4, consultará a toponimia da provincia da Coruña desde o concello de Oza dos Ríos ata o de Zas.
Equipo nº 5, consultará a toponimia da provincia de Lugo desde o concello de Abadín ato o de A Fonsagrada.
Equipo nº 6, consultará a toponimia da provincia de Lugo desde o concello de Foz ata o de Outeiro de Rei.
Equipo nº 7, consultará a toponimia da provincia de Lugo desde o concello de Palas de Rei ata o de Xove.
Alumnado de 1º B
Equipo nº 1, consultará a toponimia da provincia de Ourense desde o concello de Allariz ata o de Entrimo.
Equipo nº 2, consultará a toponimia da provincia de Ourense desde o concello de Esgos ata o de Ourense.
Equipo nº 3, consultará a toponimia da provincia de Ourense desde o concello de Paderne de Allariz ata o de Xunqueira de Espadanedo.
Equipo nº 4, consultará a toponimia da provincia de Pontevedra desde o concello de Agolada ata o de A Estrada.
Equipo nº 5, consultará a toponimia da provincia de Pontevedra desde o concello de Forcarei ata o de Pontecesures.
Equipo nº 6, consultará a toponimia da provincia de Pontevedra desde o concello de Pontevedra ata o de Vilanova de Arousa.
2.- Elaboración de textos científicos.
Unha vez que xa tedes unha lista de topónimos galegos que son iguais a outros que están en lugares e países moi lonxe de nós, ides preparar textos, documentados, que falen deses lugares onde expliquedes onde están e cales son as súas características principais.
Primeiro tedes que buscar documentación en webs sobre o lugar e logo desenvolver o traballo, ou sexa realizar o texto, sería bo que o ilustrásedes con algunha imaxe; o texto non estará rematado ata que o documentedes, mencionar as fontes que utilizastes para facelo.

A Festa dos maios

Agora que abril está a rematar, imos buscar información e elaborar un texto sobre a festa que, en moitos sitios de Galicia, se celebra o primeiro día de maio, chámase “A festa dos maios”. Na zona de Bastavales e no concello de Rios hai un festexo, na noite do 30 de abril ao 1 de maio, que lle chaman “Alumear o pan”.
De xeito individual busca documentación e prepara un texto sobre unha destas celebracións.

Cronobiografía de Rosalía de Castro

Rosalía de Castro está considerada a figura máis importante da literatura galega, ademais de ser unha das principais figuras do Rexurdimento da nosa lingua.
A cronobiografia é unha técnica de traballo que consiste en situar cronoloxicamente os momentos máis salientables da vida dunha persoa.
Imos tentar facer unha cronobiografía de Rosalía de Castro para coñecer un pouquiño a súa vida e obra. Para documentarte vas consultar a páxina oficial da Casa Museo de Rosalía, http://www.rosaliadecastro.org/, no menú entra en Rosalía, aí tes unha serie de datos e datas relacionados coa súa vida e obra, elixe só os oito que penses que son os máis importantes.

O entroido

O ENTROIDO
Despois de elaborar textos sobre a festa das candeas imos traballar o entroido.
O entroido tradicional é unha celebración onde hai unha inversión dos valores: os homes visten de mulleres, estas de homes, os pobres de ricos, os ricos de pobres, …
O máis importante do entroido tradicional de Galicia son as máscaras que xeralmente son propias dunha determinada contorna. Seguindo o esquema da actividade anterior imos investigar sobre as máscaras máis importantes do entroido tradicional galego.
a) Primeiro tedes que traer información, de diferentes fontes, sobre a máscara que vos tocou.
b) Facer un guión para desenvolver o traballo.
c) En parellas desenvolvedes o guión que tedes preparado.
d) O texto non estará rematado ata que o documentedes, mencionar as fontes que utilizastes para facelo. Tamén o tedes que asinar.
As máscaras sobre as que imos traballar son: Os cigarróns, Os xenerais, Os peliqueiros, As madamas e os galáns, A morena, Os volantes, O enterro da sardiña.

As festas cíclicas do ano

Para intentarmos coñecer mellor o noso pasado, para aprender a a explorar, a buscar datos, a chegar a conclusións debidamente razoadas, para aprender a traballar en grupo imos propoñer diferentes traballos que teñen que ver coas festas cíclicas na cultura tradicional.
As festas cíclicas son aquelas celebracións que se repiten polas mesmas datas todos os anos: O Samaín, Defuntos e/ou o San Martiño, O Aninovo, As Candeas, O Entroido, Os Maios, O San Xoán.
Aínda que o máis primitivo de todos os calendarios é o vexetal, é dicir o que vai de acordo coa medra das plantas, nos imos adecuar este calendario ao tempo no que agora estamos. O primeiro traballo que imos facer para este blog é sobre a celebración do día 2 de febreiro: As Candeas.
a) Primeiro tedes que buscar información, en diferentes fontes, sobre esta celebración.
b) Facer un guión para desenvolver o traballo.
c) En grupos de dous ou tres, desenvolvendo o guión que tedes preparado, escribides sobre a orixe e características.
d) O texto non estará rematado ata que o documentedes (mencionar as fontes que utilizastes para facelo) e o asinedes.
e) Despois segundo o curso se vai desenvolvendo estudaremos outras festas que marcan a cultura tradicional.