Nortada «Azul Cantábrico»

Esta tarde na Praia do Foxo, en Vilanova, na Ría de Aldán, mentres tomaba estas fotografías, pensei no que escribe Fritjof Capra sobre o inapropiadas que Leonardo consideraba as matemáticas da súa epoca para describir os movementos dos elementos da natureza, e sobre como emprega o debuxo como ferramenta de análise dunha realidade extremadamente complexa a través da elaboración de diagramas e modelos.

Hydnum Repandum

Logo de varios meses sen publicar nada neste blog retomoo precisamente para publicar un par de fotografías da miña primeira saída ás setas esta tempada. Algo de crebeiro ten saír ao monte por setas.

Nesta fermosa carballeira temos collido linguas de vaca a mancheas. Estes días comezan a sair. Hoxe trouxen unhas pouquiñas, apenas para probalas.

La Platanera

La Platanera é un taller de serigrafía que a ilustradora Andrea Fernández (Avigráfica) ven de abrir nunha pequena construción anexa á casa familiar na Illa de Arousa.

Hai uns días estivemos con Andrea no seu taller. A idea inicial era recoller un encargo, pero mostrouse tan amable que prolongamos a conversa varias horas e mesmo fomos dar unha volta pola illa.

Muiño de mareas das Aceñas, frente ao Parque Natural do Carreirón.

Diseño. Manual de muebles domésticos y objetos insolitos

Cocobooks edita en España este libro da historiadora da arte Ewa Solarz moi apropiado para nenos e adolescentes.Como tantas veces merquei un exemplar coa intención de abandonalo por casa, nalguha mesa, até que os críos o descubrisen. Que o libro pagaba a pena quedárame claro xa na librería, antes de decidir levalo; ademáis xa coñecía «Garabatos», un libro do deseñador xaponés Taro Gomi, tamén editado aquí por Cocobooks e a algún dos autores aos que publican como Hervé Tullet, do que me gusta especialmente o seu «No confundas» publicado por Destino, e orientado a lectores de moi curta idade. Aínda así nunca supusen unha acollida tan boa como ao final tivo.

Unha boa recomendación, por tanto, para unha biblioteca escolar.

Incredible 3D doodle kit

Estou facendo co alumnado de 4º ESO unha anamorfose estereoscópica dun cubo. A figura descansa na superficie horizontal do chan que ao tempo serve de plano de cadro.

Como sucede tantas veces atopámonos cun problema onde menos o esperabamos. Conseguimos unha pintura vermella perfecta para o filtro vermello, pero co azul non hai maneira.

Lembreime do incredible 3D doodle kit que me regalara Horacio e que me resistía a abrir, e decidín que esta era a oportunidade perfecta para facelo. Por desgracia a pintura azul que trae tampouco é adecuada para o filtro do propio kit (non o entendo).

 

Os irmáns Oligor

Las tribulaciones de Virginia é un espectáculo dos irmáns Oligor que botou a andar hai xa dez anos. Agora andan por Brasil. Tiven a oportunidade de asistir a unha das representacións que ofreceron en 2005 na Sala Nasa en Santiago de Compostela, e pareceume algo sobrecolledor. É unha obra impúdicamente sinceira, complexa, íntima. Explora ese espazo liminar que se abre entre o xogo dos nenos, a enfermidade mental e as paixóns.

Especialmente interesante a proximidade aos espectadores, a importancia dos obxectos e do obxectual, os cambios de escala e a relación entre a manipulación dos mecanismos e o traballo actoral.